Bo día a todas e todos:

No nome dos colectivos convocantes, queremos, antes de nada, agradecer a vosa presencia hoxe e aquí.

Chegades de tódalas comarcas desta terra.

Vides de toda a península do Morrazo, desde Marín a Vilaboa.

Vides do Val Miñor e da Louriña, do Val de Tebra, do Baixo Miño e do Rosal.

Hai xentes do Val de Soutomaior, da Paradanta, do Condado, da propia cidade de Vigo e das moitas parroquias que constitúen o fermoso rural deste concello.

E tamén de Redondela, de toda a Enseada de San Simón, e da boa vila de Pontevedra.

Mesmo de Portas viñestes, empurrados pola vosa xusta loita en defensa do transporte público e do tren de proximidade.

Viñemos do norte, do leste e do sur para estar hoxe xuntos, como pobo, e para defender a integridade e o futuro das nosas comarcas, das nosas vilas e das nosas parroquias, ante un desgraciado plan que pretende condenalas á ruína.


Estamos aquí para esixir a inmediata retirada do Plan Vigo Íntegra.

_______________________________________________

Si. Estamos aquí para esixir a inmediata retirada dese plan que pretende asfaltar máis de sete millóns de metros cadrados da nosa paisaxe. Que pretende dividir e rachar vilas e parroquias, destruíndo vales, ríos, fragas e bosques. Arrasando castros, muíños e lugares senlleiros da súa riquísima e longa historia.

Un plan que remataría para sempre coa vida do noso rural, rompendo a súa conexión coa terra, expropiando casas, montes e leiras en nome dun progreso que non é tal.

Porque non é ningún progreso un plan de mobilidade que esquece totalmente o transporte público e que aposta por perpetuar a escravitude ao vehículo privado, ao consumo de petróleo e á contaminación.

Porque non é ningún progreso ignorar a irreversible crise enerxética global e malgastar 2.000 millóns de euros de diñeiro público en asfalto.

Porque non é ningún progreso destruír o noso patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico en nome dun desenvolvemento que non é nin será para nós, senón para as grandes empresas e os grandes intereses económicos.


Para eles, e só para eles, está deseñado o Plan Vigo Íntegra

_________________________________________________

Este Plan pretende converter tódalas nosas comarcas nunha gran máquina económica destinada unicamente a un fin: producir máis para consumir máis.

E para conseguir ese fin non dubida en destruír o noso territorio, a nosa paisaxe, a nosa natureza, a nosa biodiversidade e o noso patrimonio histórico, tanto material como inmaterial...

Digámolo ben claro: Este plan pretende destruír a nosa identidade.

Porque iso é o que estamos a defender hoxe aquí: a nosa identidade e o noso xeito de vivir.

Defendela é esixir aos que administran os cartos de todas e todos que os empreguen no interese común e non no das grandes empresas.

Que os empreguen nun transporte colectivo eficiente e nas necesidades das parroquias e vilas. En hospitais comarcais, en cultura e deporte ao alcance da cidadanía, en evitar innecesarios desprazamentos... En descentralización en vez de centralismo, en igualdade en vez de xerarquía.

A nosa identidade é riqueza. Queremos seguir sendo Galicia e queremos avanzar cara á mellora da nosa vida e do noso entorno, non cara á súa destrución.

E por iso dicimos con voz unánime e clara:


O asfalto non é progreso.

Non ao Plan Vigo Íntegra!!!